Sunday 19 de May de 2024

Feijóo afirma que Galicia e os galegos de todo o mundo “estaremos ao lado de Cuba neste ilusionante proceso de actualización que o pobo cubano decidiu emprender”


“Desde a proximidade e desde o respecto e a xenerosidade, queremos acompañar a este país no seu camiño e queremos facelo coas ferramentas que pon o século XXI nas nosas mans”, asevera

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou durante o acto de clausura do XI Consello de Comunidades galegas, que Galicia e os galegos de todo o mundo “estaremos ao lado de Cuba neste ilusionante proceso de actualización que o pobo cubano decidiu emprender”. “Desde a proximidade e desde o respecto e a xenerosidade, queremos acompañar a este país no seu camiño e queremos facelo coas ferramentas que pon o século XXI nas nosas mans”, aseverou.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta trasladou ao Consello de Comunidades, do que forman parte máis dun centenar de centros e casas de Galicia, a felicitación polo traballo realizado. “Estes días na Habana reforzouse a galeguidade”, dixo, facendo fincapé en que integrar as xeracións máis novas nos centros galegos e nas súas directivas significa ter relevo xeracional e, polo tanto, ter futuro.

Feijóo quixo tamén enviar unha mensaxe de recoñecemento para aqueles galegos que construíron a súa vida a moitos quilómetros de distancia e que hoxe teñen que afrontar un futuro incerto. E para eles, garantiu o apoio da Xunta e das comunidades galegas no exterior.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico animou aos participantes neste undécimo plenario a seguir construíndo galeguidade todos xuntos, “con renovadas ansias e renovados compromisos”. “Os galegos non nos definimos por oposición a outros pobos, senón que nos integramos neles. Axudamos a construír Cuba, ao tempo que Cuba servía de fogar para moitos galegos e o mesmo pasou en Arxentina, en Venezuela, en México…”, lembrou, avogando por seguir estreitando os lazos entre os fogares da nosa emigración e Galicia.

Logo de asistir á Ofrenda Floral no Panteón de Naturais de Galicia, Feijóo pechou o seu encontro coa colectividade no exterior, asistindo ao almorzo ofrecido ao Consello de Comunidades galegas, para agradecer a todos os galegos do exterior o que fixeron e o que seguen a facer pola nosa identidade e a nosa cultura; e por manter aceso o facho de Galicia por todo o mundo.

Posteriormente, asistirá á presentación do espectáculo ‘Son galego, Son cubano’ do artista galego Roi Casal, coa participación especial de Pablo Milanés e Nando Casal en homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas. Un espectáculo no que se escoitarán as letras de Neira Vilas da man de músicos dun lado e outro do Atlántico –Roi e Nando Casal por parte de Galicia e Pablo Milanés polo lado cubano-, recollendo á perfección ese matrimonio cultural que forman o pobo cubano e o pobo galego.

Non en van, o verdadeiramente grande da galeguidade é o xeito en que se foi entretecendo coas identidades, os costumes e as culturas dos lugares onde arraigaba. A Historia de Galicia non pode entenderse sen a Historia dos lugares que acolleron aos seus emigrantes.